|
¨DE COMO SE CREOU A LAGOA
DE ANTELA¨ (NOVIDADE)
¨Cando os mouros estaban a facer a torre do Castro
e a de Pena, só tiñan un martelo, polo que se arrebolaban
con el dunha torre a outra para ir apuntalando as pedras. Ata que un día,
nun deses lanzamentos, a un deles falláronlle as forzas, e o martelo
caiu no medio do camiño entre as dúas torres, facendo un
gran burato, onde escomenzou a brotar auga, dando lugar á que coñecemos
(coñeciamos) como lagoa de Antela¨
Lenda popular de Sandiás
- Recollida por Xavier
¨OS EXÉRCITOS ENCANTADOS
DO REI ARTÚS¨(1)
“E unha era que como había moitos charcos e lameiros, chegado
o verán saían deles tantos mosquitos cínifes que,
erguéndose á posta do sol, pola veiga abaixo voando, resplandecían
as ás que parecían armas, e os da terra que os vían
dicían e afirmaban que era o rei Artús que estaba encantado
co seu exército naquela veiga…, así ó crían
porque dicían que seus pais e avós, e devanceiros así
o dixeran e afirmaran. Estas e outras malicias, parvadas e pecados quitáronse
e desterráronse co novo edificio”.
“Orixe, fundación e primeiros
tempos do Bon Xesús de Trandeiras”
Boletín de la comisión de monumentos de Orense
XI (1936-1939)
Manuscrito orixinal do s. XVI. Transcrición de Antonio Cruceiro
Freijomil
Traducción ó galego de Fradique Méndez
|

Carta xeométrica
de Galicia de Domingo Fontán
(París,
1845)
|
¨OS
EXÉRCITOS ENCANTADOS DO REI ARTÚS¨(2)
“… e coa calor do sol no verán espállanse
pola atmosfera unha nube inmensa de zoadores cínifes que mortifican
de día e de noite, e non cabe existan en ningunha parte tantos
nin tan carraxentos e sañudos. Á antiga superstición
pagá sobre o eterno e universal esquecemento que producía
o beber ou atravesar as augas do Leteo, o vulgo sempre crédulo
e amigo do marabilloso, substituíu outra nos tempos cabaleirescos
que aínda duraba ós principios do século XVI, de
ser estes alados e armados insectos os exércitos encantados do
rei Artús, transformacións das que falaron tanto os romances
nacionais e extranxeiros”.
Memoria sobre o desaugadoiro
da lagoa de Antela ou da Limia (1834)
Juan Manuel Bedoya
Traducción ó galego de Fradique Méndez
¨ANTIOQUIA¨(1)
“Algún diravos que as súas lamecentas augas ocultan
as torres dunha soberbia cidade fundada por Antíloco, tendo unha
sorte parecida ás de Pentapoles na Palestina polo seu nefando crime
á idolatría prodigada ó galo, figura que aínda
hoxe se destaca nas torres e campanarios de Galicia. Outros que, ó
reverberar dun sol lucente e límpido nun día primaveral,
reflíctense nas súas satinadas augas a cúpula de
edificios alí asolagados, con outras mil andrómenas que
o sopro da ilustración se encargará de disipar no espacioso
ambiente que as axita”.
O río Limia e os seus contornos
(1879)
Benito Fernández Alonso
Traducción ó galego de Fradique Méndez
¨ANTIOQUIA¨(2)
“Dos pobos da parróquea é iste (Cardeita) o que s´alcontra
máis cerca da Veiga e por eso teñen feito os vellos do pobo
unhas escavaciós en busca d´aberes; pois dise que antiguamente
había n´a Veiga unha ciudá (Antioquía) que
tuvo Dios que castigala porque vindo por´o mundo pidindo unha limosna
non alcontrou máis que unha familia que lla dira, que foi a que
se salvou do alago mandada sair por Dios sin que volveran a cabeza pr´atrás;
pero un da familia desacatou a orden do Noso Señor entonces volveuse
pedra. Pero cando a xente iba co gando pr´a Veiga íballes
verrecar ond´a pedra, que despóis foi recollida por´o
convento de Trandeiras… Os de Cardeita alcontraron n´esas
escavaciós unha trabe, un pote vello, un pozo con escaleiras e
non sei si outras cousas… Os autuales non dan razón de tales
alcontros, sólo dín ¨contaban os vellos”.
¨Resume xeneral de folk-lore de
Sandiás¨
Urbano Santana
Revista Nós, xuño-setembro, 1931.
¨ANTIOQUIA¨
“No lugar que oxe ocupa a lagoa de Antela houbo,
n-outros tempos unha cidade chamada Antioquía. Era a meirande que
se conecia e a mais rica. Pro a sua riqueza e o seu grandor foron a sua
perda. Trocouse soberbia. Os seus veciños asoballaban ás
xentes dos arredores e non tiñan caridade con ninguén.
Quixo Deus castigalos, mais Xesús propúxose salvar ós
xustos que houbese. E veu á terra, e foi a Antioquía na
figura dun esmolante e tentou a caridade dos antioquiaus. Percorreu a
cidade enteira da primeira á últema casa pedindo esmola,
e non achóu a ninguén que xiquera lle dixese: ¨Deus
te axude¨. Postreiramente, cando xa marchaba co corazón atristurado,
entre uns carballos viu unha casarella ca porta suchouza e unha velliña,
mui velliña, agarouchada a carón dun lumiño que máis
afumaba qu-aquecía. Xesús arrimouse e pregou:
-Unha esmola pol-o amor de Deus.
-Pase quen sexa, dixo a velliña.
E Xesús pasou. E a velliña sentouno ó lume, e muxiu
unha cabra que tiña e déulle unha cunca de leite e un anaco
de bica. E dispoixas deitouno na súa camiña chea de farrapos
que tiña nún canto da chouza. Elí durmió Xesús
e a vella pasou a noite á beira do lar tremendo co friu, pois a
leñiña acabárase e o borrallo xa non quentaba.
Cando a alba do día espertou Xesús dixolle á velliña:
-Ven. Quero que olles o que foi de Antioquía.
E a Velliña quedou sorpresa cando viu que no lugar que ocupaba
Antioquía estendíase unha lagoa que asulagaba o pobo. E
naide se salvara fora da velliña, nin xente nin animais. E a velliña,
tremando, demandoulle a Xesús.
-Pro… porque aconteceu isto con Antioquia…
-Po-los seus pecados, pol-as suas iniquiedades.
E n-aquel mesmo día se soubo a nova terrible por todal-as terras
pois os paxaros que alí moraban fuxiron a outros lugares, e iban
dicindo pol-o ar:
-Que se fonde Antioquía…que se fonde Antioquía…
E ainda está alí, asolagada, a cidade. Na mañanciña
de San Xoán, cando o primeiro raio de sol relampra na lagoa, alá
abaixo, mui fondo, albíscase o campanario da eirexa. E a noite
do Natal, ás doce en punto, óuvense cantar os galos”.
“Contos populares da Terra: Antioquia”
Laureano Prieto
La Región, 03/09/1958. |