A lagoa de Antela

Foi un dos humedais de maior extensión da Península Ibérica, con 7 quilómetros de longo e 6 quilómetros de ancho, aínda que dependendo da época do ano, variaban estas dimensións, así como a súa profundidade. Tiña de profundidade media 0,60 metros e nalgúns “pozos” chegaba ata os 3 metros.

A lagoa de Antela en 1960. En primeiro termo, a ponte das Poldras. O fondo a estrada de Villacastín a Vigo, actual N-525.

A depresión da Limia tivo a súa orixe durante o Terciario como consecuencia dun amplo xogo de bloques. Uns ascenderon, dando lugar a diversas serras, como as de Queixa ou San Mamede, outras afundironse e derón lugar a un conxunto de depresións tectónicas, como as de Maceda, A Limia ou Monterrei, que bordean polo oeste, sudoeste e sur, respectivamente, as citadas serras.

Ó longo do Terciario, producto dunhas condicións climáticas tropicais, formáronse numerosas áreas lacustres, entre elas a que formaba a lagoa de Antela, nas que, durante o Cuaternario, se foran amoreando sedimentos. A práctica totalidade das lagoas colmatáronse, a excepción da lagoa de Antela, que se conservou ata os nosos días.

Sobre ela contábanse infinidade de lendas, entre elas as máis fermosas está a da cidade de Antioquía, asolagada como castigo por idolatrar o galo; e a dos mosquitos, que erán o rei Artús e os seus soldados, enmeigados naquela veiga.

Cisnes cantores cazados en 1933 (Museo Luis Iglesias, Santiago de Compostela)

Innumerables foron os intentos de desaugamento e aproveitamento das súas terras para o labradío ata o seu definitivo desecamento a partir do comezo das obras no ano 1958. Os romanos tentárono coa construcción dun emisario principal e unha tupida rede de pequenas canalizacións, o seu emisario principal que ía dende Vilar de Barrio ata Ponte Liñares, medía 26 quilómetros de longo e 17 metros de ancho aproximadamente. A moderna canle seguiu o mesmo trazado.

Canle da lagoa de Antela

Da súa riqueza biolóxica destacaban as miles de aves acuáticas que a utilizaban durante todo o ano.

No que foi no seu día o sur da lagoa instálaronse, a partires do ano 1972, varias empresas dedicadas á extracción de area, que é moi apreciada para a construcción.

Antiga areeira en proceso de recuperación

Neste intre téntase recuperar esta riqueza faunística e botánica mediante a recuperación das charcas das areeiras abandonadas.

Antiga areeira recuperada

O Concello de Sandiás abriu a principios de xuño de 2008 a Casa da Lagoa (Centro de Interpretación da Lagoa de Antela) coincidindo cos 50 anos do comezo das obras de desecación da lagoa de Antela, iniciadas no ano 1958.

Unha antiga casa labrega acolle o Centro de Interpretación da Lagoa de Antela no centro da vila de Sandiás .Neste centro preténdese dar a coñecer dunha forma didáctica a historia da lagoa de Antela, a través dun percorrido que abrangue dende a formación da antiga lagoa de Antela, a súa desecación, ata a actualidade coa recuperación medioambiental das antigas areeiras. Para iso preténdese levalo cabo a través de modernos soportes audiovisuais (cámaras teledirixidas para observar o que está a acontecer nos humedais, breve documental sobre a lagoa de Antela e o patrimonio histórico-artístico da zona, etc.), paneis interpretativos, explicacións didácticas, etc.

Casa da Lagoa (Centro de Interpretación da Lagoa de Antela). Á dereita a Casa, á esquerda a sala de audivisual.

Vista dende un miradoiro dunha das areeiras recuperadas


DOCUMENTO Nº 1

¨DESCRICIÓN DA LAGOA DE ANTELA NO ANO 1931 POR UN VECIÑO DE SANDIÁS¨

“A xa nomeada carretera que vai pra Xinzo, un Km. despois de Coalloso, alcóntrase coa Veiga (Lagoa de Antela) e crúzaia n´unha extensión de dous Km. e medio; o ir a dereita qued´a veiga de Couso, e a esquerda empeza a estenderse a veiga de Sandiás con distintos nomes (o Areal, Antela, Arrotea, Valadiño, o Teso; e despois a das Pegas, a de Cardeita, etc.) todas sen límites señalados e fixos.

Perpendicular a carretera (e por tanto na maior extensión) estendes´a ¨ría¨ (Río de pouca corrente, pantanoso, e soparado en dous por unha govia de trozos discontinuos) n´ela hai unha especie de xuncos chamados ¨o vión¨ que moito é segado e traido pra botar na corte e faguer esterco, i´encanto esta na Veiga cómeno as vacas. Esta ¨ría¨ que no inverno ocupa casi tod´a Veiga e no verán ven a desaparecer por completo quedando sólo algunhos pantanos, sopara dúas partes distintas, ¨o Cabo d´Arriba¨ (N.) e ¨o Cabo d´Abaixo; este tamén está dividido en dous por unha demarcación, o N. pertence co ¨Cabo d´Arriba¨ ós pobos indicados, e o S. pertence a Xinzo, Baronzás, Morgade, Pena...

Dende sempre, o vir a primaveira, que vai quedando reducid´o domiño das augas, mantén bos rebaños d´ovellas e alí pacen tamén tod´o día as vacas dos veciños que se adican a labregos, como é de suponer, todos de quitado o cura e o maestro. Antes había tamén moitas bestas e boas ¨a herba d´a Veiga facialle noito ben á besta¨; pero, hoxe ise número xa é ben máis pequeno i´esta disminuindo, debido a que as mulas, e os cabalos non defenden por´o baixo precio que teñen na feira”.

¨Resume xeneral de folk-lore de Sandiás¨
Urbano Santana

Revista Nós, xuño-setembro, 1931.


ANTIGOS MAPAS DA LAGOA DE ANTELA

  • 1765 - Boceto da lagoa de Antela que acompañou á carta enviada á Academia de Agricultura do Reino de Galicia (1765-1775) por D. Pedro González de Ulloa, Abade de Covelas (A Limia), onde explicaba á academia o seu proxecto de desaugamento.

Mapa de Pedro González de Ulloa, 1765

• 1845 - Carta xeométrica de Galicia (París, 1845) de Domingo Fontán, o primeiro mapa realizado con métodos científicos de Galicia.