|
- I -
D´Ourense para Xinzo sáles´as
cinco da tarde n-un automóvele da liña de Verín,
onde van señoritas moi enchapeiradas e descotadas que van para
Cabreiroá. Algunhas son as que se´esmourecen con todo pra
figurar que lles deu o vento mareiro.
Tamén van rapaces con gabardina
e Kodak. Saen tres coches, de maneira que sí se non colle n-un,
agárdase pol-o outro. Inda qu´o Quintana diga que non hai
sitio, non hai que desanimar; ten un pacencia y-agarda, y-o cabo, métes´un
en calquer lado.
O teósofo Roso de Luna ten un aforismo que sacou da sua esperencia
d´acomodal-os moebles d´unha familia regular, nunha d´aquelas
grileiras qu´en Madrid chaman casas. O aforismo dí: ¨Todo
colle en todo¨. E com´o conto do alifante y-a formiga…
Mais para se convencere, hai que vel-os automóvels de Galiza.
- II -
A Limia é unha terra que ten leenda,
tanta leenda que hastra din qu´hai elí unha lagoa…
A min xa me poden vir con contos, inda que sexa do FORUM LIMICORUM.
Eu vin ós limiaos, c´unhos grandes chapeus de palla, guiando
unhos inmensos carros d´herba que van cantando por unhas estradas
dereitas como fusos, antre ringleiras de negrillos. Vin o gando mouro
vir á noite do monte, pola ponte das Poldras, y-as ovellas apretuxadas
tras d´il. Vin as patacas sementadas nas leiras, y-o centeo segado,
e vin-o mallar pol-a raxeira do sol. Vin ós cás sair a ladraren
ó camiño – porqu-eu percorrín a Limia n-un
coche de cabalos, esa cousa anacróneca que xa non sirve mais que
para ir recoller ós viaxeiros n-as estaciós do camiño
de ferro e levalos ás fondas - e hastra vin brincar un sapo d´entras
rodas, n-unha noite de luar, vindo por unha d´esas estradas dereitas
com´as que din qu´atravesaban o lago de Tezcuco en México,
e qu´atravesan esta xa hipotética lagoa Antela, que non veredes
anque vaidas a Limia; como non traigades no fardel o Coello ou o Fontán…
- III -
En Xinzo as horas camiñan paseniño,
paseniño… Á media hora pasa un carro d´herba
que chega ós tellados das casas, pasa cantando o cantar da Terra…
Na acera andan brincando dous cadeliños. O reló sona o carto…Ven
outro carro d´herba, agora son dous; pasan cantando o cantar da
Terra… Logo, o reló sonará outro carto, e pasará
outro carro d´herba, ou dous, ou mais…
Ó cair o serán podedes dar un longo paseo longo, sen vos
cansar; todo é camiño chao… Á volta, as rapazas
andarán paseando, a tres y-a catro do ganchete, pol-a carretera…
Algunhas levarán os noivos a carón seu. Campan com´as
que van no automóvele para Cabreiroá… Esta terra da
Limia dá moito, e logo en Xinzo hai moito comercio…Siguen
pasando carros d´herba; pasan cantando o cantar da Terra, e na vila
de Xinzo, somentes son os carros a cantar o cantar da Terra…
Hai unhas lampariñas eléuticas que non aluman tanto com´os
vermes de luz á veira das corredoiras. Son as dez pola nova…
Sen presa, hai qu´ir camiñando car´a fonda.
Coa barriga farta, vólvese car´o Casino… Diante van
cantando tres carros d´herba.
- IV -
Agora, agárdanos un nemigo terribel.
Eiqui o qu´é mosquitos, hai o demo d-íles. Teñen
múseca: hainos de trompeta, hainos de gaita, hainos de zanfona,
hainos de clarinete, hainos de violoncello. Morden coma centellas, comen
a un, e as ronchas pican proendo quince dias…
Rasca d´eiqui, rasca d´ala, toma un café y-unha copa
na acera do Casino. A tertulia é boa de verdá e rompe por
riba do refugallo de civilización que despersoaliza tantas outras
manifestaciós da vida limián. Mentira parece qu´istes
señores tan discretos e falangueiros o teñan nas suas casas
todo pintado d ´aluminio, hastra a garamalleira….
Outra volta pol-a carretera, a arteria
de Xinzo… Hai qu´ir adispacio. Pódese entrar de conversa
n-unha tenda calquera…Pódese botar un parrafeo coas rapazas
que tomán o fresco nos balcós… Pódese, mais
que nada, falar de políteca; d´iso entenden hastr´os
cás, e calquera vos pode dar un curso de caciquismo esprimental.
O fin hai que se deitar. Volta pr´a
fonda, sen presa… Siguen pasando carros d´herba. Pasan cantando
o cantar da Terra, e na vila de Xinzo somentes son os carros os que cantan
o cantar da Terra….
- V-
A materia non está esgotada. Istes
non son mais qu´entrautos d´un escrito vello qu´a imprensa
debe recoller. Nin Xinzo nin eu somos xa o qu´eramos fai dous anos.
A roda da Fortuna non se detén endexamais…
|